Desearte, lo opuesto al arte

Revista cultural digital

Elementos de matemática

Posted by desearte en noviembre 17, 2006

“ Por un punto exterior a unha recta pode pasar unha e só unha recta paralela a esta”.

Elementos de xeometría,

“Axioma V”, Euclides.

“Todo aquilo que preme ou arrastra a outro é presionado ou arrastrado outro tanto; se laguen preme co dedo unha pedra, o seu dedo é presionado pola pedra. Se un cabalo arrastra unha pedra atada cunha corda, é arrastrado tamén o cabalo, e igualmente pola pedra; porque a corda, distendida entre ambos, impulso, polo mesmo conato de relaxarse, ao cabalo contra a pedra e á pedra contra o cabalo, e impedirá o avance do un tanto canto favoreza o avance do outro.”

Principios matemáticos de filosofía natural,“Leis do movemento”, Isaac Newton. 

“Os teoremas desta xeometría semellan paradóxicos e, para os non iniciados, absurdos; mais unha análise severa e metódica revela que non conteñen nada que non sexa posible”.

Carl Friedrich Gauss. 

“…a única actividade mediante a cal podo conservar a tranquilidade de espírito indispensable é a matemática…”

Karl Marx.

ARS ARTIS. O POSTULADO.

Caminando polas pedras da vella Moureira preguntáchesme aquela tarde, miña amiga, pola relación existente entre o vector AB que nos separaba do plano eterno do ceo e o vector AC que nos distanciaba da liña imaxinaria do horizonte. Quixen entón facer para ti tódolos cálculos, mais límites, ángulos, senos e cosenos escaparon sempre ás trapazas dos meus versos.

Un día situeime nun punto do plano propicio para os pensamentos, a reflexión e a dúbida.

De pé no campo verde

e rodeado de números áureos,

entre as liñas de 22 e 10 metros,

a) namentres cismaba na razón trigonométrica que determina

unha xornada de loita e traballo,

a mirada infinita duna portería de rugbie

a distancia mariña entre a marola e o mar das Pitas

e

b)cando matinaba na ecuación que relaciona

a xenreira que me embara,

a curvatura dun balón oval,

or rizos do teu cabelo e

a circunferencia do tamboril do mau irmán,

achei no plano novas razóns, tratados e teoremas escritos na linguaxe do artificio.

MULLER IRLANDESA

I

Tento achar os primeiros elementos da sucesión

E chegas ti co teu riso de porcelana branca e azul de tempos fermosos xa idos e dislocas os meus ombreiros e os meus pensamentos. Chegas ti estrando polo aire o arrecendo teu de Valedoras e eu chámote muller irlandesa non sei por que razón.

Chegas ti asubiando unha vella canción de guerra, deixo as progresións e os límites e soño cunha primeira liña de combate

de pedras e beberás

ao pé da figueira da miña avoa e da miña nai,

dacabalo da égoa do meu pai.

Na rúa.

II

Esperto.

Esquenzo os fusís, os tambores marciais. A rúa.

Porque me contan que o mar marchou a Valedoras.

Abro os ollos e alí está todo o mar de Artabria enchendo o triángulo

Córgamo Casaio Valdín .

E cando miraba toda aquela auga sabía que no mundo había xustiza e que o seu límite tendía a infinito. Nadaia era a capital do mundo onde tódolos nenos e nenas levaban o dedo pai-de-todos manchado da tinta do sexto burato do punteiro.

III

Chámote Irlanda non sei por que razón.

A TRINCHEIRA

Cando chove sento nas ponlas da miña maceira

para recoñecer as ondas fachendosas que veñen de Galway

a zoupar no castro de Xaz e a descansar na ría de Ama.

Gárdome da mesma choiva que mollou aos meus avós humillados

nos camiños terreiros de Benvexo a Bilbao,

polos vieiros mariños que levan a Alabama.

Non sei demostrar que non hai razón enteira para xn + yn = zn

cando n > 2 pero fun quen de debuxar no cu duna rapaza de Coia

un polígono de desásete lados

tan só coa axuda duna regla  e dun compás.

Agora que sei comezar os versos que subliman a derrota

e agora que conexo ao meu inimigo

e por que razón fai da verdade a mentira,

podo vesar unha trincheira

no berce de liño verde da leira Treveira,

ao pé do outeiro camiñante que nomearon os meus avós.

DER MORGEN DANACHT

Onte pola mañán fun tan feliz que á mañán seguinte

non recordo a orde dos números na recta real.

Onte pola noite fun tan feliz que á mañán seguinte

non recordo onde puxen o Norte. Atropeláchesme

cos teus peitos. Introduciches un dedo teu

pola miña gorxa e comezaches a rozar

coa unlla as paredes da larinxe para ceibar

tódalas palabras ás que lle teño prohibido saír

                                                                do estómago.

Agora que estou sen ti e sen Norte

síntome tan desafiuzado que sinto os pulsos

da vida nas vidallas coma un inmenso castigo

por unha existencia pasada e que non lembro.

Estou tan triste que podería morrer sen dacatarme,

podería coller un monllo das miñas veas

e mastigalo ata que sangue e cuspe se confundan.

A =  p   r2

irmán

que a noite nunca te sorprende

porque sabes medir a superficie do teu tamboril

porque das túas mans pendura o ritmo ternario do pobo

exército guerrilleiro aturuxo

redobra berro de pracer

madeira de buxo ou maceira da leira    tacto de fusil

un tamboril agarda na praza do Teucro

contando con redobres as laranxas caídas das ponlas da infancia

liña do fronte nas laranxeiras

Faramontaos

que cargo a  miña pluma coma un AK-47

un punteiro debulla en pechado a pedra de Pontevedra

coas partituras dos ventos do mar

repenica campá da liberdade muiñeira

que na Moureira desembarca o Nordés

esperta                muller               anta

               Tourón             auga fértil

irmán                   redobra            dispara

FUNCIÓN TANXENTE

I

Tecer un abrigo coa miña pleura.

Levar á boca unha presa de terra

enchoupada no meu sangue e no meu esperma.

Modelar coa lingua

palabras arreboladizas

que permanezan inertes

                           eternas no aire

coma as asíntotas da función tanxente.

Lansdown Road, Riazor, os oito bois dos mareantes,

nación, eu son libre, Fruzo,

Perillo rema, labio,

de profundis ad te clamo, mia señor,

Lorbé, nasa, chumbo,

traballo, astrolabio,

que somos bos por natureza,

é USA quen nos corrompe.

II

Non serei eu

quen desamalloe os nós das miñas veas para deborcar o meu sangue

sobre o po da terra. Non quero que o paso do tempo me sorprenda cunha venda nos ollos derramando cabazos enteiros de números e bagas de

acivro sobre a tona do mar.

Celanova,

Nós cegamos antes, Nós,

carballo, choiva eterna,

hoc misterium fidei

que se transforma en alicerces

xermolará, froito, Báseles.

Non quero ver nas miñas mans a ferida da semente estragada.

 

Isaac Fernández

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

 
A %d blogueros les gusta esto: